Portada dos Oscars

Data e autoría

31 de maio de 2025

David Alján Lusquiños
David Alján Lusquiños Xornalista
Eva Cid Rivas
Eva Cid Rivas Xornalista

Introdución

O pasado mes de marzo tivo lugar un dos momentos máis agardados polos cinéfilos de todo o planeta: a Gala dos Premios Oscar. Esta 97ª edición do galardón contou con grandes actuacións musicais, xiros inesperados e gañadores sorprendentes. Anora foi unha das producións máis triunfadoras da noite e falarase durante anos dos malos resultados obtidos por Emilia Pérez. Esta última cerimonia celebrada no mítico Dolby Theatre estivo especialmente marcada polos tráxicos incendios en California, as mostras de apoio ao pobo palestino por mor do xenocidio que está a perpetrar o Estado de Israel, e a controversia protagonizada por Karla Sofía Gascón a raíz dos seus chíos racistas e xenófobos. Con todo isto, a 97ª edición dos Oscar pasa xa a formar parte da historia do cinema. Pero para comprender a dimensión deste galardón, cómpre botar a vista atrás e lembrar os momentos máis emblemáticos que marcaron cada unha das súas edicións.

Imaxe do artigo

Unha ollada á historia da Academia

Os Premios da Academia, máis coñecidos como Premios Oscar, son os máis antigos e prestixiosos do panorama cinematográfico. A primeira edición da clamorosa cerimonia de entrega das figuras douradas tivo lugar no ano 1929, superando por dúas décadas aos Emmy e por tres aos Grammy. Esta primeira gala foi bastante diferente do que se coñece hoxe en día. En lugar de ser un espectáculo público, foi concibida como un evento privado no hotel Hollywood Roosevelt ao que asistiron 270 personas. A listaxe dos ganardores de cada categoría foi publicada tres meses antes do propio acto. Isto cambiaría o ano seguinte, converténdose na primeira cerimonia emitida a través da radio e con cobertura por parte da prensa ao día seguinte. No ano 1953, máis de vinte anos despois, os Oscars deron finalmente o salto á pequena pantalla, cargada de clásicos como Moulin Rouge, The Quiet Man ou The Bad and the Beautiful.

 

Naquela primeira edición de 1929 repartíronse un total de 12 galardóns. O pasado marzo entregouse algún máis: a Academia premiou 23 categorías distintas. Varias delas mantéñense da gala inaugural. Os premios ao mellor actor e actriz protagonista, mellor dirección, mellor filme, mellor dirección de arte, mellor fotografía e mellor guión adaptado estiveron permanentemente presentes na historia do galardón. Pola outra banda, a última categoría incorporada foi a que recoñece a versión máis dixital do cinema: o premio á mellor longametraxe de animación, instaurado no ano 2001.

 

Se algo nos deixaron as 97 edicións dos Premios da Academia, foron momentos inesquecibles. Xa desde os seus inicios, os Oscars non se limitaron a recoñecer o bo quefacer cinematográfico: premiaron historias de superación, deron voz a quen rompeu barreiras para poder subir ao estrado e pronunciar o seu discurso, e homenaxearon carreiras ás que se lles dedicou toda unha vida. E, de vez en cando, tamén nos brindaron escenas insólitas, espontáneas ou cheas de ironía que quedaron para a memoria colectiva.

 

Funcionamento

Películas aclamadas

Co paso do tempo a competición dentro dos Premios Oscar é cada vez máis feroz. O cine internacional ábrese camiño na escena de Hollywood e cada vez existen directores mellor formados. Porén, isto non impide que cada varios anos aparezan obras que destacan sobre o resto. Ata a actualidade, 29 películas lograron gañar 7 ou máis Oscars en toda a historia do festival.

 

Os reis indiscutibles sen dúbida algunha son tres. O primeiro deles é Ben-Hur, de 1959, dirixido por William Wyler. Trátase do primeiro filme en gañar a impresionante cantidade de 11 premios. Estivo nominado en 12 categorías distintas, pero acabou perdendo o premio a mellor guión adaptado, gañado por Room at the Top. Pese a iso, Ben-Hur logrou facerse cos premios á mellor película, mellor director, mellor actor, mellor actor de reparto, mellor deseño de produción, mellor fotografía, mellor deseño de vestiario, mellores efectos visuais, mellor montaxe, mellor banda sonora e mellor son.

 

O fito marcado por Ben-Hur logro manterse durante moitos anos como unha marca imbatible. Un evento histórico practicamente irrepetible, deses que deixan pegada para sempre na historia do cinema. A película superou o récord de 10 premios que vinte anos antes establecera Gone with the Wind, unha cifra que xa era impensable en comparación co anterior máximo: as 5 figuras douradas gañadas por It Happened One Night, a longametraxe máis galardoada ata aquel momento. Por suposto, ao longo do temo existiu competencia. Tan só tres anos despois, en 1961, West Side Story quedou ás portas de acadar esa fazaña ao perder, nun xiro amargo do destino, o premio ao mellor guión adaptado, quedando só con 10 premios no seu palmarés.

 

O reinado de Ben-Hur parecía asegurado. A película permaneceu invicta ao longo de case catro décadas. Ata que en 1997, certo barco capitaneado por James Cameron, conseguiu evitar o naufraxio e navegar ata unha nova era na Academia. O filme Titanic logrou igualar os resultados obtidos por Ben-Hur, despois de estar nominado en 14 categorías diferentes.

 

A historia dos premios da academia mudara para sempre, e volvería a facelo en poucos anos. O podio que antes só ocupaba Ben-Hur, agora o compartía con Titanic, pero como se adoita dicir: non hai dous sen tres. The Lord of the Rings: The Return of the King, a terceira entrega na aclamada triloxía de Peter Jackson baseada nas novelas de Tolkien, conseguiu tamén acadar esa meta das 11 figuras douradas.

 

Reparto e dirección

Ao igual que está a suceder cos filmes, tamén está a haber cada vez máis competencia nos premios á interpretación e á dirección, pero neste caso en canto ao lugar de procedencia. Actualmente, o cine fóra das grandes produtoras está a pisar forte, e a Academia está a aprender a recoñecelo. Isto demóstrase se observamos os galardóns ao mellor actor protagonista, mellor actriz protagonista e mellor dirección no século XXI. Obviamente, Hollywood segue a dominar: dos 69 gañadores diferentes, máis da metade naceron nos Estados Unidos, e 9 deles no estado de California. Porén, esta cifra xa non é tan dominante como en décadas anteriores e, sobre todo, as obras non estadounidenses están a facerse un oco fóra das categorías internacionais.